Buscar

rep_2601

Prévia do material em texto

TESE DE DOUTORAMENTO 
VIOLENCIA, PERSECUCIÓNS E 
RELATO NA CONFORMACIÓN DO 
PODER GOLPISTA EN SANTIAGO 
DE COMPOSTELA, 1936 
 
 
Rafael García Ferreira 
 
ESCOLA DE DOUTORAMENTO INTERNACIONAL DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA 
PROGRAMA DE DOUTORAMENTO EN HISTORIA CONTEMPORÁNEA 
 
 
 
SANTIAGO DE COMPOSTELA 
ANO 2021
 
 
 
 
 
Declaración do autor da tese 
Violencia, persecucións e relato na conformación do poder 
golpista en Santiago de Compostela, 1936 
 
 
 
D. Rafael García Ferreira 
Presento a miña tese, seguindo o procedemento axeitado ao Regulamento, e declaro que: 
 
1) A tese abarca os resultados da elaboración do meu traballo. 
2) De ser o caso, na tese faise referencia ás colaboracións que tivo este traballo. 
3) Confirmo que a tese non incorre en ningún tipo de plaxio doutros autores nin de traballos 
presentados por min para a obtención doutros títulos. 
4) A tese é a versión definitiva presentada para a súa defensa e coincide a versión impresa coa 
presentada en formato electrónico. 
 
 
En Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021. 
 
Asdo. Rafael García Ferreira 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Autorización dos directores da tese 
Violencia, persecucións e relato na conformación do poder 
golpista en Santiago de Compostela, 1936 
 
D. Lourenzo Fernández Prieto 
D. Antonio Míguez Macho 
 
Informan: 
Que a presente tese, correspóndese co traballo realizado por D. Rafael García Ferreira, baixo a 
nosa dirección, e autorizamos a súa presentación, considerando que reúne os requisitos esixidos no 
Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, e que como director/titor desta non incorre 
nas causas de abstención establecidas na Lei 40/2015. 
 
 
En Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021 
 
Asdo. Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho 
 
 
 
 
 
 
 
Resumo 
 
Esta disertación está relacionada co golpe de Estado de xullo de 1936 na cidade de Santiago de 
Compostela e con como se afianzaron os novos poderes a través do uso da violencia por diferentes 
vías. 
Por unha parte, estúdase a conspiración e o golpe de Estado en si, como acto de forza para 
desprazar ás autoridades e tomar o poder. Posteriormente, analízanse as diferentes formas de 
violencia e persecución que se puxeron en marcha contra unha parte da sociedade, e que tiñan 
como obxectivo consolidar ese poder: asasinatos, denuncias, depuracións.... Estúdanse tanto os 
procesos como a responsabilidade nestas accións e en que medida uns e outros tiveron 
participación nelas. Finalmente, analízanse os diferentes espazos que actuaron como lugares de 
violencia e a súa relación con vítimas e verdugos, dándolle unha dimensión e un punto de vista 
máis a todos os procesos que se analizan. 
 
Palabras chave: golpe de Estado, Santiago de Compostela, violencia, persecución, relato. 
 
 
Resumen 
 
Esta disertación está relacionada con el golpe de Estado de julio de 1936 en la ciudad de Santiago 
de Compostela y en cómo se afianzaron los nuevos poderes a través del uso de la violencia por 
diferentes vías. 
Por una parte, se estudia la conspiración y el golpe de Estado en si, como acto de fuerza que 
desplaza a las autoridades y toma el poder. Posteriormente, se analizan las diferentes formas de 
violencia y persecución que se pusieron en marcha contra una parte de la sociedad, y que tenían 
como objetivo consolidar ese poder: asesinatos, denuncias, depuraciones... Se estudian tanto los 
procesos como las responsabilidades en estas acciones y en que medida unos y otros participaron 
en ellas. Finalmente, se analizar los diferentes espacios que actuaron como lugares de violencia y 
su relación con las víctimas y verdugos, dando una dimensión y un punto de vista más a todos los 
procesos que se analizan. 
 
Palabras clave: golpe de Estado, Santiago de Compostela, violencia, persecución, relato. 
 
 
 
 
 
Abstract 
 
This dissertation is relates with the coup d’etat of July of 1936 in the city of Santiago de Compostela 
and how the new powers are consolidated through the use of violence in different ways. 
On the one hand, we study the conspiration and the coup itself, as the act of force that displaces 
the authorities and seizes power. Subsequently, the different forms of violence and persecution 
that were launches against a part of the society are analyzed, and whose objective was to consolidate 
that power: murders, complaints, purges… Both the processes and the responsibilities in the 
actions are studied; who participates on that processes is studied as well. Finally, the different spaces 
that worked as sites of violence and their relationship with victims and executioners are analyzed, 
giving a further dimension and anther point of view to all the processes that are studied here. 
 
Key words: coup d’etat, Santiago de Compostela, violence, persecution, legend 
 
 
 
 
 
 
 
 
Limiar 
 
Este texto é o resultado dun traballo que deu comezo hai xa varios anos, cando decidín embarcarme 
nel tras finalizar os meus estudos de mestrado en Historia Contemporánea. Tomei a decisión de 
comezar coa carreira investigadora grazas ao impulso dos meus achegados, que creron na miña 
capacidade para sacar adiante este proxecto dende o primeiro momento, e que seguramente tiveron 
moitas menos dúbidas ca min da miña capacidade. A tese doutoral que segue foi un proceso que, 
sen o apoio de todos eles, quizais non tería saído adiante. Por iso me gustaría ter un especial 
recordo, en forma de sincero agradecemento, por toda a axuda que se me ten prestado ao longo 
dos últimos anos. 
En primeiro lugar, os meus compañeiros do grupo HISTAGRA, cos que compartín grupo de 
investigación e inquedanzas ao longo do proceso. De entre estes, por suposto, Antonio Míguez 
Macho e Lourenzo Fernández Prieto, por ter sido mestres primeiro e directores desta tese doutoral 
posteriormente, aconsellándome e guiándome durante todo o proceso. Grazas tamén pola 
paciencia. A Gustavo, polos consellos e polo seu imprescindible traballo no grupo, que tanto nos 
axuda a todos. E a Conchi e Uxía, coas que tantas inquedanzas compartín. 
A todos os meus amigos, que de tanto apoio me serviron en diferentes fases e por diferentes 
motivos. Aos que estiveron e aos que xa non, pois estou seguro de que nalgún momento todos 
foron importantes. Aos que levan máis tempo e aos que menos, pois todos me apoiaron de igual 
forma e valoraron en todo o momento o que facía, aínda cando non o entendían de todo. 
Precisamente por iso llo agradezo especialmente. Aqueles aos que valoro e sei que me valoran 
saberán apreciar estas verbas, de igual forma que eu valoro a súa amizade. 
Á miña familia, que en ningún momento dubidou de min ao longo do traxecto. Deles contei 
co seu apoio e ánimo en todos os aspectos e en todo momento. De entre todos non podo deixar 
de destacar a meu pai e a meu irmán, os máis próximos e os que máis tiveron que ver con toda a 
axuda que podía precisar do ámbito familiar, e que espero que estean orgullosos deste traballo. E, 
con especial agarimo, quero acordarme da miña nai, á que estou seguro que lle produciría unha 
gran ledicia e que a faría moi feliz ver que cheguei ata aquí. 
A vida, en ocasións, é como unha partida de damas. Cruzámonos con moitas fichas, como non 
nos cruzamos con outras, tentando chegar ao final. Non sempre é sinxelo e podemos cometer 
erros, pero tamén ter moitos acertos. Pero no fondo, o importante é atopar a alguén con quen 
xogar. Alguén a quen lle guste deixar todas as súas damas na fila de atrás.
 
 
 
 
Índice 
 
Introdución ............................................................................................................................................... 19 
Fontes documentais e metodoloxía ................................................................................................... 29 
Estado da cuestión..................................................................................................................................39 
Marco teórico ........................................................................................................................................... 47 
Obxectivos e estrutura do texto .......................................................................................................... 59 
A Compostela republicana, 1931-1936 ............................................................................................... 63 
1. Conspiración e golpe de Estado en Santiago de Compostela ............................................... 71 
1.1. A «conspiración» en Santiago de Compostela ............................................................... 73 
1.1.1. A conspiración no cuartel do Hórreo .............................................................................. 73 
1.1.2. O suposto apoio da dereita local: un relato dos golpistas ........................................ 78 
1.1.3. A actividade da Falanxe na primavera de 1936 ............................................................ 84 
1.1.4. Conspiración en Santiago de Compostela? .................................................................. 88 
1.2. O golpe de Estado militar ......................................................................................................... 90 
1.2.1. A defensa da legalidade republicana a través do Comité de Defensa da República
 .............................................................................................................................................................. 91 
1.2.2. O golpe dende o cuartel do Hórreo ................................................................................ 97 
1.2.3. A participación da Garda civil ........................................................................................ 102 
1.2.4. O control militar da cidade ............................................................................................. 103 
1.3. Algunhas conclusións arredor do golpe de Estado en Santiago de Compostela .... 106 
1.4. Alén do golpe de Estado. Sobre o expediente practicado a Bermúdez de Castro.. 108 
2. As causas militares. Persecución e relato .................................................................................. 115 
2.1. Os datos das causas militares de Santiago de Compostela ........................................... 115 
2.2. As causas como construtoras da culpabilidade. O caso da causa 231/36 ................ 119 
2.3. As causas como construtoras do relato golpista .............................................................. 133 
2.3.1. O estado de guerra como piar da xustiza militar ...................................................... 133 
2.3.2. A construción do relato nas causas militares............................................................. 136 
2.3.3. Da «incompatibilidade de xurisdición» á «xustiza ao revés»: os argumentos das 
defensas ........................................................................................................................................... 143 
2.4. Quen é quen nunha causa militar? ...................................................................................... 148 
2.4.1. Un perfil das vítimas mortais .......................................................................................... 149 
2.4.2. Os verdugos e a responsabilidade compartida ......................................................... 160 
 
2.4.3. Informantes e testemuñas ............................................................................................... 169 
3. A implicación na violencia dos poderes locais golpistas ...................................................... 175 
3.1. A Delegación de orde pública ............................................................................................... 176 
3.2. O novo goberno local golpista de Santiago ....................................................................... 181 
3.2.1. O establecemento do poder municipal: xullo-novembro de 1936 ........................ 181 
3.2.2. Análise da Delegación civil e comisións xestoras .................................................... 187 
3.3. As implicacións na persecución: a depuración do corpo de empregados municipais
 ................................................................................................................................................................ 195 
3.4. As milicias ................................................................................................................................... 210 
3.5. A lóxica dos asasinatos sen formación de causa no golpe de Estado ....................... 215 
4. Espazos para o golpe, espazos para a violencia ...................................................................... 227 
4.1. A espacialidade no golpe de Estado .................................................................................... 227 
4.2. Os espazos da violencia .......................................................................................................... 231 
4.2.1. Os itinerarios de violencia: reclusión, execución e enterramento ....................... 231 
4.2.2. Os espazos de reclusión en Santiago de Compostela ............................................. 235 
4.3. O persoal das prisión municipal e central de Santiago de Compostela .................... 263 
4.4. A ocupación do espazo público no golpe de Estado ...................................................... 268 
4.5. Algunhas consideracións finais sobre os espazos no golpe ......................................... 277 
Conclusións ............................................................................................................................................ 281 
Fontes consultadas ............................................................................................................................... 291 
Bibliografía ............................................................................................................................................. 299 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
This kind of think is frightening to me, because it often gives me the feeling that the very concept of 
objective truth is fading out of the world. After all, the chances are that those lies, or at any rate similar 
lies, will pass into history. How will the history of the Spanish war be written? If Franco remains in power 
his nominees will write the history books (...). But suppose Fascism is finally defeated and some kind of 
democratic Government restored in Spain in the fairly near future; even then, how is the history of the 
war to be written? What kind of records will Franco have left behind him? 
 
George Orwell, Visions of a Totalitarian Future, 1942 
 
 
 
 
 
Introdución 
19 
 
 
 
 
Introdución 
 
O golpe de Estado de xullo de 1936 e a posterior guerra civil son, probablemente, os dous 
acontecementos que teñen suscitado máis debates, investigacións e publicacións con respecto á 
Historia Contemporánea de España. A produción científica e literaria ao redor de ambos é inxente 
e foi tratada por numerosos investigadores, dende toda clase de perspectivas e con diferentes 
resultados segundo a óptica coa que se ten tratado. O afán por relatar que ocorreu dende o 17 e 18 
de xullo do ano 36 aparece dende os anos posteriores, en base a determinados intereses e en forma 
de crónicas que debuxaban a sublevación como un movemento salvador do país, establecendo un 
discurso que xa se viña forxando dende o primeiro momento polos golpistas e que, en moitas 
ocasións, chega aínda con moita forza ata os nosos días. Investigadores foráneos comezaron a 
afondar nos feitos dende antes de que a ditadura chegara á súa fin na década dos setenta; e dende 
entón a investigación e produción de todo tipo de obras sobre o acontecido ten sido unha constante 
que chega ata os nosos días. 
O antigo departamento de Historia Contemporánea-actual área de Contemporánea dentro do 
unificado departamento de Historia- da Universidade de Santiago de Compostela contaba cunha 
longa tradición de estudos de Historia agraria, inaugurada no seu día polo mestre Ramón Villares, 
no que diversos investigadores desenvolvían as súas investigacións ao redor do mundo e sociedades 
rurais, dende diferentes perspectivas e con diferentes marcos, pero adscritos a aquela tendencia 
investigadora que tanta produción científica ten abrigado baixo o seu paraugas. Sen embargo, dende 
mediados da década dos noventa foron impulsados programas de investigación centrados na 
ditadura que se viron concretados en diferentes traballos, tesinas e teses doutorais que abarcaban 
temáticas, en moitos casos, asociadas aínda ao mundo rural, facendo forte a tradición de estudos 
previa. Nun contexto como este, a chegada do ano 2006 e a declaración deste como o Ano da 
Memoria, unido á posta en marcha do Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, deu un novo 
empuxe aos estudos do departamento, impulsada fundamentalmente por Lourenzo Fernández 
Prieto, ao redor do golpe de Estado e que iría, co paso do tempo, moito máis alá da contaxe de 
vítimas que propoñía inicialmente o propio proxecto. 
Esta tese doutoral enmárcase neste contexto. Orixinalmente partía dun traballo de fin de 
mestrado que xa comezaba a analizar a persecución e a violencia golpista na cidade de Santiago de 
Compostela. As apreciacións do tribunal que o xulgou e o impulso dos que son directores deste 
traballo -o mesmo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho-, acabaron por decidir que a 
investigación se desenvolvese de xeito máis profundo e que se convertese nunha tese doutoral, no 
resultado de anos de investigación, debates e traballo conxunto, e resultado tamén desa nova 
traxectoria de estudos dentro do departamento. Outros verán a luz tamén moi pronto, amosando 
Rafael García Ferreira 
20 
 
a boa dinámica de traballo que se estableceu no seu do grupo de investigación Histagra, pero sobre 
todo amosando uns resultados froito dun extenso traballo con fontes, realizado con rigor e coa 
calidade propia da tradición deste departamento da Universidade de Santiago. 
Ir máis alá das vítimas supón enfrontarse a toda unha serie de discursos e relatos establecidos 
dende o mesmo ano 1936 polos golpistas e os seus colaboradores. Supón penetrar en todo tipo de 
procesos nos que se contan as cousas dun xeito específico e en base a un discurso do que non 
sempre é sinxelo afastarse, co obxectivo de interpretar a realidade en termos e cunha linguaxe 
democrática. Caer na linguaxe e nas lóxicas dos golpistas é moi sinxelo, porque imperaron tras unha 
vitoria en guerra civil -en territorios como o galego dende moito antes, debido ao triunfo do golpe-
, durante case corenta de ditadura e, nos nosos día, máis de corenta anos de democracia. Estudar 
o golpe de Estado supón afondar na maraña terminolóxica e terxiversadora dos feitos que se forxou 
dende o primeiro minuto, e que estableceu toda unha serie de mitos que en moitas ocasións aínda 
imperan e contaminan moitas das obras ao respecto. O traballo coas fontes e a inmersión en 
documentación como as causas militares significa confrontar e contrastar discursos que estarán 
vixentes durante décadas e dos que nos debemos afastar para ver con outros ollos o que ocorreu 
en realidade. 
Afondar no coñecemento histórico e derrubar mitoloxías e discursos que se veñen 
presupoñendo, incluso dentro da propia historiografía, é máis que posible; que o coñecemento 
acabe sendo permeable ao conxunto da sociedade, necesario. Así se veu facendo para demostrar 
que certos apriorismos que se deron por sentados con respecto á Galicia contemporánea -e non so 
a contemporánea- non eran tan certos como sempre se dixo. Véxanse, sen ir máis lonxe, os traballos 
de Lourenzo Fernández sobre o mundo labrego e os de Antonio Míguez sobre o movemento 
obreiro galego, pero tamén os de Miguel Cabo para a cuestión do asociacionismo agrario ou, 
noutras cronoloxías, os de Xosé Miguel Andrade ou Isidro Dubert.1 Demostrado está tamén con 
respecto ao golpe de Estado e á ditadura franquista, así como en relación a todos os relatos que se 
foron conformando debido á vitoria na guerra, e que tamén veñen sendo sometidos a estudo e a 
critica, e desmontados grazas a sólidos traballos que amosan unha realidade histórica moi diferente 
á que se estableceu dende 1936.2 
 
Unha base de estudos 
A inauguración dos estudos sobre o golpe, a guerra e a ditadura que se desenvolveron dende o ano 
2006 coa inauguración do Proxecto Nomes e Voces ten culminado nunha serie de obras colectivas 
que viñeron sentando as bases para que esta investigación fora tomando forma ata a súa 
 
1 Lourenzo Fernández Prieto, Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo, Xerais, 
1992, e tamén a obra colectiva en Lourenzo Fernández Prieto (dir.), Terra e progreso. Historia agraria da Galicia contemporánea, Vigo, 
Xerais, 2000; Antonio Míguez Macho, La construcción de la ciudadanía a través de los movimientos sociales. El movimiento obrero en Galicia 
(1890-1936), Santiago de Compostela, Fundación 10 de Marzo, 2008; Miguel Cabo Villaverde, O Agrarismo, Vigo, A Nosa Terra, 
1998; Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, Vigo, Xerais, 
2020; Isidro Dubert e Antía Pérez-Caramés (coords.), Invasión migratoria y envejecimiento demográfico: dos mitos contemporáneos, Madrid, 
Catarata, 2021; véxase tamén Isidro Dubert (ed.), Historia das Historias de Galicia, Vigo, Xerais, 2016. 
2 Francisco Sánchez Pérez (coord.), Los mitos del 18 de julio, Barcelona, Crítica, 2013. 
Introdución 
21 
 
presentación. Comezando, iso si, por disertacións que datan de moito máis antigo, e que se teñen 
centrado con anterioridade en cuestións como a desarticulación dos tecidos de asociación 
campesiños;3 e sen esquecernos doutras obras, colectivas ou non, nas que xa se estudaba tamén a 
cuestión do golpe e da violencia no territorio galego dende diferentes perspectivas e para diferentes 
lugares do territorio galego, como foi o caso de traballos como os de Emilio Grandío ou María 
Jesús Souto, entre outros.4 Foi o momento tamén da publicación doutras investigacións que 
acometían estudos relacionados con diferentes aspectos da sociedade galega en relación á ditadura, 
como os de Ana Cabana e as súas disertacións sobre o consenso no réxime franquista, os de Daniel 
Lanero con respecto ás políticas sindicais e agrarias no rural galego; nunha mesma liña de estudos 
agrarios no marco da ditadura, o traballo de Alba Díaz sobre os diferentes cambios nese contexto 
do rural galego entre o Franquismo e a transición e o de Araceli Freire sobre os montes veciñais.5 
Sen embargo, foi coa publicación de dous ensaios sobre o golpe e a violencia na retagarda 
galega cos que se deron os primeiros pasos da posterior produción historiográfica á que nos 
referimos, no ano 2009,6 estudos nos que o uso da documentación relativa tanto a ese golpe e a esa 
violencia estaban no foco da investigación para amosar tanto os procesos nos que se envolveron 
ás vítimas como as formas que tiveron os perpetradores para agocharse detrás delas. E enfocando, 
ademais, a cuestión das prácticas violentas dentro doutros procesos similares como os xenocidios, 
así como establecendo a comparativa con eses outros exemplos ao respecto da forma en que as 
diferentes sociedades que os viviron e os superaron buscaron a reparación e a súa condena ou non 
tras a chegada da democracia tras os períodos ditatoriais.7 
A fin da financiación, e en consecuencia do proxecto, no ano 2012, non supuxo a fin da 
inquedanza pola investigación na materia. Nomes e Voces suporía unha base excelente para 
comezar a estudar outros procesos relacionados co ocorrido dende xullo de 1936, non so coas 
vítimas e coaviolencia, aínda que estas estiveran no foco de forma permanente por ser un elemento 
central dentro do marco do ocorrido, do da investigación e das inquedanzas dos responsables dos 
estudos. Así, vería a luz unha primeira obras colectiva na que participaban diferentes profesores e 
doutorandos do departamento, e que tiña como obxectivo a análise de diversas cuestións ao redor 
do golpe de Estado e máis alá, e que remitía como pasaxe introdutoria ás verbas de Jorge Semprúm 
como marco sobre o que traballar: o de afastarse do discurso dos golpistas e dos verdugos para 
 
3 Lourenzo Fernández Prieto, «Represión franquista y desarticulación social en Galicia. La destrucción de la organización societaria 
campesina, 1936-1942», en Historia Social, nº 15 (1993), pp. 49-65. 
4 Emilio Grandío Seoane (ed.), Anos de odio. Golpe, represión e guerra civil na provincia da Coruña (1936-1939), A Coruña, Deputación da 
Coruña, 2007; María Jesús Souto Blanco, La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), Sada, Edicións do Castro, 1998; 
Jesús de Juana e Julio Prada (coords.), Lo que han hecho en Galicia. Violencia, represión y exilio (1936-1939), Barcelona, Crítica, 2006. 
5 Ana Cabana Iglesia, Entre a resistencia e a adaptación. A sociedade rural galega no franquismo (1936-1939), Santiago de Compostela, 
Universidade de Santiago de Compostela, 2007; Ana Cabana Iglesia, Xente de orde. O consentimento cara o franquismo en Galicia, Santa 
Comba, 3C3 Editores, 2009; Daniel Lanero Táboas, Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia 
baixo o franquismo, Santa Comba, 3C3 Editores, 2011; Alba Díaz-Geada, Mudar en común. Cambios económicos, sociais e culturais no rural 
galego do franquismo e da transición (1959-1982), tese de doutoramento inédita, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de 
Compostela, 2013; Araceli Freire Cedeira, Conflictividad social en el medio rural gallego (1939-1975). El caso de los montes vecinales en mano 
común, tese de doutoramento inédita, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014. 
6 Antonio Míguez Macho, O que fixemos en Galicia. Ensaio sobre o concepto de práctica xenocida, Ourense, Difusora de Letras, Artes e Ideas, 
2009; Antonio Míguez Macho, Xenocidio e represión franquista en Galicia. A violencia na retagarda en Galicia na guerra civil (1936-1939), 
Santiago de Compostela, Lóstrego, 2009. 
7 Estas cuestións referidas tamén en Antonio Míguez Macho, La genealogía genocida del Franquismo. Violencia, memoria e impunidad, 
Madrid, Abada, 2014. 
Rafael García Ferreira 
22 
 
poñer en perspectiva o golpe, a guerra e a ditadura, para coñecer a verdadeira Historia do 
acontecido, para que esta deixara de estar embazada polos discursos herdados dende 1936:8 
 
Fue allí en casa de Cordón, oyéndole a Lister narrar sus hazañas militares... donde comencé a 
comprender que la guerra civil solo sería mitología mientras fuese cosa de ellos, de los que hicieron, y nos 
deshicieron, haciéndola tan mal, que solo sería historia, al fin, solo un saber práctico que nos permitiera vivir 
con ellas, asumiéndola críticamente, y no desviviéndonos en sus laberintos engañosos, cuando fuese cosa 
nuestra: de los que no la hicimos, de los que no fuimos abrumados por el peso, ideológico de tan larga 
leyenda de signo contradictorio...9 
 
Este volume comezaría a poñer no centro do debate a necesidade dun relato histórico afastado 
do dos golpistas e do da ditadura, isto é, unha nova mirada a ese pasado co fin de superar ese relato. 
Un relato que recorra ás fontes, que estableza a crítica e que acabe por analizar os datos dos que 
dispoñemos dende unha óptima obxectiva, con rigor histórico, sen verse embazada polas 
terxiversacións lingüísticas e dos feitos de documentación como xuízos militares, informes de 
conduta, notas de prensa ou todo tipo de ordes, textos que compoñen unha inxente cantidade de 
pezas documentais que deben servir para recompoñer o pasado sen chegar a caer nun relato que 
pretendía cambiar a realidade dende o mesmo mes de xullo de 1936 para gañar un relato que, coa 
vitoria na guerra, acabaría por ser hexemónico e que segue a contaminar, en moitas ocasións, a 
nosa forma de facer Historia. 
Nesta dirección pretendían seguir asociados os estudos relacionados, e nese sentido avanzaron, 
non so agregando novos investigadores asociados -grazas á asociación mediante diferentes 
proxectos de investigación-, se non mediante a ampliación das perspectivas de investigación, 
orientando estas cara cuestión coma a das actitudes sociais en contextos ditatoriais, aplicando o 
estudo non so ao período da ditadura española se non aportándose outros estudos doutras latitudes, 
como a de América do Sur, para poder establecer comparacións, equivalencias, diferencias e 
debates. Neste marco, unha nova obra colectiva atraía a eses estudosos da cuestión a esta liña de 
investigación para tratar esta temática xa non unicamente dende o caso galego, se non dende outras 
perspectivas interiores e dende un enforque tamén internacional.10 
Aínda chegarían dúas obras máis a este respecto, que seguirían a marcar unha liña de estudos 
que xa conta con varios anos de bagaxe ás súas costas. A primeira delas, Golpistas e verdugos de 1936,11 
reuniunos a diversos doutorandos da área de contemporánea baixo o amparo dos nosos directores 
 
8 Lourenzo Fernández Prieto e Aurora Artiaga Rego (eds.), Otras miradas sobre golpe, guerra y dictadura. Historia para un pasado incómodo, 
Madrid, Catarata, 2014. 
9 Citado en Lourenzo Fernández Prieto e Aurora Artiaga Rego, «Introducción. Sabemos poco de pasado incómodo. Otras miradas 
sobre el golpe, la guerra y la dictadura», en Lourenzo Fernández Prieto e Aurora Artiaga Rego (eds.), Otras miradas..., p. 11. 
10 Antonio Míguez Macho (ed.), Ni verdugos ni víctimas. Actitudes sociales ante la violencia, del Franquismo a la dictadura argentina, Granada, 
Comares, 2016. Outro volumen de interese a este respecto, con investigadores que teñen participado nos proxectos que 
mencionamos, é o de Miguel Ángel del Arco Blanco et al., No solo miedo. Actitudes políticas y opinión popular bajo la dictadura franquista 
(1936-1977), Granada, Comares, 2013. 
11 Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho (eds.), Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, Vigo, Galaxia, 
2018. 
Introdución 
23 
 
de tese para elaborar un traballo que tiña o traballo común con fontes primarias como as causas 
militares, base das nosas investigacións, para explicar os procesos que se puxeron en marcha dende 
xullo de 1936 dende diferentes perspectivas: dende os participantes, dende as lóxicas empregadas, 
dende a violencia, dende a construción da culpabilidade; tamén dende a memoria. Tratouse dun 
traballo colectivo no que as ideas que se viñan traballando durante anos por un grupo de 
investigadores en etapa de tese foron postas en común, enfocadas nunha mesma dirección e 
presentadas en forma de capítulos que comezaron a amosar os resultados da liña de investigación 
que se viña marcando e da capacidade dunha nova xeración de historiadores para aplicala e para 
traballar no marco desa liña historiográfica. 
O ano 2020 presenta dúas novidades a este respecto: un novo libro colectivo sobre ese novo 
relato, pulido en base a todo o traballo dos anos anteriores, e que reuniu a varios investigadores 
coas mesmas inquedanzas sobre a cuestión;12 e o 2021, ademais doutra publicación relacionada, 
esta vez de carácter internacional e centrada na cuestión dos espazos de violencia do golpe e da 
ditadura, marca o período de finalización dalgunhas das teses que se enmarcaron nestes estudos. 
Entre eles esta investigación, que procurará preguntarse e responder acerca dunha serie de cuestión 
ao redor do golpe de Estado de 1936. 
 
Consideracións previas, preguntas e obxectivos 
Esta investigación ten un marco específico e definido: territorialmente,a cidade de Santiago de 
Compostela; cronoloxicamente, o golpe de Estado de 1936, abarcando os meses posteriores para 
algunhas dinámicas que se estudarán -e aos meses anteriores, para outras-, e estendendo o marco 
ata a década dos corenta para outras, como no caso do estudo dos espazos de violencia. A 
inquedanza polo período e o espazo, e a dispoñibilidade de fontes que poden ser examinadas cunha 
nova mirada, son factores que levaron a decidirse por realizar esta investigación. Tamén hai un 
criterio de afinidade, por ser a cidade na que o autor se criou. Por iso é unha tese que se referirá a 
un modelo, ao modelo da cidade de Santiago, ao que ocorreu antes, durante e tras o golpe de 
Estado nela, a que dinámicas actuaron e aos procesos que se levaron a cabo. 
Enfocaremos, polo tanto, unha perspectiva de caso. Considérase aquí que o punto de vista do 
local é de ampla importancia para a consecución de estudos xerais, que contribúan a entender os 
acontecementos que se sucederon nun determinado período de xeito máis redondo, permitindo 
unha interpretación máis analítica. Isto se debe a que entendemos que neste nivel da investigación 
é onde se poden atopar toda unha serie de matices que van máis alá de visións xerais, e que amosan 
realidades que é máis sinxelo que se perdan ao falar de obras que abarcan os acontecementos dun 
xeito máis amplo. Por iso, tamén consideramos que o estudo dun caso como este, que axude a 
comparalo con outros similares -ou con outros diferentes-, pode chegar a ser máis representativo, 
e de moita utilidade, á hora de aclarar e explicar mellor o mapa do ocorrido nun acontecemento 
tan relevante para o século XX español como o golpe de Estado de 1936. 
 
12 Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández (eds.), 1936. Un nuevo relato, Zaragoza, 
Prensas de la Universidad de Zaragonza, 2020. 
Rafael García Ferreira 
24 
 
Grazas ao traballo previo coa bibliografía, pero sobre todo ao traballo coas fontes primarias 
que seleccionamos, atenderase a unha cuestión que consideramos fundamental, e que xa viñamos 
adiantando ao falar das liñas de investigación e publicacións nas que se enmarca este texto: a 
historicidade dos feitos. Tentaremos constatar o que ocorreu detalladamente nos contextos que 
analizamos, afastándonos así de textos, discursos e relatos establecidos ata o momento, pois como 
veremos estes apareceron dende moi cedo para terxiversar en boa medida non so a memoria do 
ocorrido, senón tamén investigacións contemporáneas. O contraste entre o que xa sabemos sobre 
o pasado e as fontes, o coñecemento de lexislacións, procesos e acontecementos, será o que nos 
permita unha lectura crítica histórica da documentación que manexaremos para finalmente abordar 
unha explicación que precise, tamén dende o punto de vista da linguaxe empregada, como e por 
que ocorreron certos procesos no marco do golpe e da violencia que se desencadeou 
posteriormente. 
A violencia, precisamente, será un dos puntos básicos que trataremos. O golpe pretendía a 
toma do poder, pero para conseguir o seu obxectivo non acudiu ás dinámicas dos pronunciamentos 
do século XIX, nin contou coa conivencia do monarca como o fixera en 1923, senón que o fixo 
mediante unha violencia dirixida contras as institucións e contra os rexedores republicanos. Estes 
sufrírona con especial intensidade durante a segunda metade de 1936 naqueles lugares onde 
triunfou a sublevación, enfrontándoa logo nunha guerra civil que acabaría por alongarse ata abril 
de 1939. A persecución e a violencia do golpe de Estado, contemplada xa nas instrucións do 
director da conspiración, Emilio Mola, atenden á vontade de desprazar a esas autoridades, pero 
tamén á da desarticulación dunha sociedade de longa tradición liberal e xa democrática, 
descabezándoa para eliminar a vontade de protesta e disidencia, de tomar posición contra o golpe, 
de desafección e de defensa da democracia. 
Por isto, atendendo a esa historicidade que mencionabamos, o primeiro que debemos 
establecer é que foi o golpe, e non a guerra, o que abriu ese escenario de violencia, un punto de 
moita importancia nesta tese. Isto, por suposto, tampouco quere dicir que a violencia so existira a 
partir do golpe: os repertorios de acción violenta existían con anterioridade, e de feito foron unha 
constante para á Europa de entre guerras, en diferentes países e baixo diferentes formas; como 
métodos de protesta e como métodos represivos; en democracias, en contextos de pugna de poder 
e nos réximes ditatoriais que triunfaron ao longo do continente durante este período. Nos 
territorios onde triunfa, o golpe inaugura un escenario no que impera a lóxica de eliminación do 
inimigo como método para acadar o poder e, paralelamente, unha lóxica de auto-lexitimación por 
parte dos golpistas, expresada a través de diferentes discursos inseridos nos procesos sumarísimos. 
Pero foi o golpe, e non a guerra, o que deu paso a esta situación. De aí as inxentes cantidades de 
mortos en retagarda durante a segunda metade de 1936, os xuízos na retagarda, as «sacas» e os 
«paseos», as depuracións e destitucións de empregados públicos. Todo iso en lugares onde o golpe 
triunfou, como no caso de Galicia, e onde nunca houbo fronte de guerra como tal, pero si unha 
fonda persecución asociada ao golpe e ao control do poder. 
A violencia nas súas diferentes formas será unha constante a analizar ao longo desta 
disertación. Comezando polos pasos previos ao golpe de Estado, onde comezamos a preguntarnos 
como se sucederon os acontecementos. A este respecto, ten sido referenciada e estudada, como o 
Introdución 
25 
 
paso previo e xa asimilado como natural, a conspiración para a sublevación. En moitas ocasións e 
en referencia ao papel de Emilio Mola como «Director» da mesma, dándolle unhas dimensións que 
tentaremos comprobar se se correspondían con toda a realidade do país nos meses anteriores a 
xullo de 1936. Chegou realmente esa conspiración a todas as prazas militares, a todas as guarnicións, 
independentemente da súa relevancia, como a de Santiago de Compostela? Coñecer se existiu unha 
preparación real para o golpe e unha colaboración entre militares e outros axentes auxiliares ten o 
obxectivo de constatar o factual da situación, cuestionándonos se os discursos posteriores que se 
escribiron sobre esa conspiración se corresponden co que ocorreu ou se se construíu un discurso 
interesado que mitificaba determinadas figuras para colocalas nunha posición de compromiso que 
teremos que comprobar se en realidade amosaban ou non. Corroborar se existiu unha preparación 
ou non tamén nos axudará a ver se esta tivo operatividade real á hora de executarse o golpe de 
Estado ou se isto respondeu a outros factores, e se a súa existencia nos axuda a comprender as 
circunstancias nas que se conforma o poder golpista con posterioridade, tendo en conta que foi o 
golpe o que exerceu como determinante de quen estaría ou non no poder ou en certos postos de 
responsabilidade. Cuestionaremos as dimensións de todo isto para constatar a forma en que se 
secuenciou o proceso de toma do poder pola forza, contrastándoa aos relatos posteriores dos 
golpistas. 
O golpe de Estado é o primeiro acto de forza que se leva a cabo para o control das institucións 
e do poder. Supón o desprazamento das autoridades lexítimas, amparadas pola legalidade 
republicana, mediante a ameaza, a coacción ou a perspectiva de que se executen accións violentas 
se hai oposición. Isto quere dicir que hai moito máis que unha simple toma militar dos edificios 
institucionais: durante o golpe hai dúbidas, medos, decisións ou inhibicións, e con toda 
probabilidade máis incertezas que seguridades, tanto por parte dos que tentarán manter a orde 
constitucional como por parte dos que decidirán rompela e tomar posición como golpistas. 
Constatar que dinámicas ocorreron tanto por parte duns como por parte doutrosaxudaranos a 
comprender mellor o proceso do golpe na cidade. Neste caso, de novo, haberá que ser coidadosos: 
as fontes empregadas para este cometido adoitan levar a firma dos que precisamente exerceron a 
violencia -como o relato dos feitos nos informes finais das causas militares-, empregándose unha 
linguaxe que, como xa advertiamos, terxiversa de forma interesada a presentación dos feitos. A 
análise pertinente desas fontes e a constatación de realidades, evitando caer nesas tramas 
discursivas, é a que nos permitirá un coñecemento previo do ocorrido. 
É o golpe, como diciamos, o que inaugura toda unha serie de dinámicas que se darán desde o 
momento en que triunfa. Afondaremos nos diferentes procesos que as autoridades golpistas poñen 
en marcha dende finais de xullo para facerse co poder e en como a violencia formou parte deles, 
dunha ou outra forma, para que acadaran o seu obxectivo. A análise das causas militares abertas 
polos golpistas axudaranos a comprender a forma en que se culpabilizou a unha parte da sociedade 
de actos que en realidade non cometeran ou que se axustaban á legalidade vixente, á legalidade 
republicana, e que estaban amparadas polas leis republicanas. Cuestionarémonos os discursos que 
nos atopamos en procesos sumarísimos como foron as causas militares, para constatar esa 
construción do relato que xa se deu dende o primeiro momento. Preguntarémonos para que serviu 
esa violencia e contra quen se exerceu, e por que contra certas persoas, pero tamén como 
funcionaron as mecánicas desa violencia, quen as executou e que consecuencias tiveron. Que 
Rafael García Ferreira 
26 
 
supoñía a lóxica de eliminación iniciada no verán de 1936? Respondía a unha operación de 
«limpeza» social ou tamén levaba asociada a lexitimación do ocorrido para a tomar do poder? 
As causas axudarannos ademais a coñecer a certos protagonistas e a cuestionarnos cal foi o seu 
papel real. Non so os incoados contra as vítimas que defenderon a legalidade, senón tamén os que 
acabaron enfrontando a partidarios do golpe ou a golpistas como tal. Indagar nestes, como 
veremos, permitiranos ver a complexidade de todo o ocorrido e constatar diferentes posturas 
incluso dentro dun mesmo proceso como a sublevación. Os diferentes discursos que veremos 
outorgarannos as ferramentas para traballar sobre un mapa de ordes, decisións e confrontacións 
incluso entre os que apoiaron unha solución de forza, e a preguntarnos se todos os que optaron 
por esta estiveron logo dispostos a exercer a violencia necesaria para acabar definitivamente coas 
autoridades e tomar o seu posto, ou se pola contra consideraban chegar ata certo punto sen ir máis 
alá. Ao respecto deses novos poderes, analizaremos como se configuraron, quen os compoñía e 
como funcionaron. E, sobre todo, veremos quen tiña realmente poder ou quen simplemente era 
designado como delegado e colaborador de autoridades superiores, cuestionando como se 
executaban as cadeas de decisión e sobre quen recaía realmente a responsabilidade. Non so se 
analizará a composición do poder ou o pasado dos que o pasarán a rexentar, se non tamén o grao 
de apoio, o seu grao de implicación, para con certo procesos. 
Preguntarnos pola violencia fará que vaiamos máis alá. O desprazamento, persecución e 
asasinato das principais autoridades políticas -e militares- republicanas suporá a substitución e a 
asunción das súas funcións por outras persoas, nomeadas seguindo a xerarquía que pasa a imperar, 
e que terán que acometer certas tarefas como o que pasa a entenderse como orde pública ou a 
depuración e despido de empregados públicos. Analizar en que medida se colaborou por parte dos 
nomeados, en que medida se exerceu presión sobre esas novas autoridades para que actuaran e en 
que medida se negaron ou se desentenderon desas tarefas tamén será fundamental para entender 
tanto a violencia como os cambios nos gobernos locais e os efectos colaterais de ambos feitos. Para 
tentar comprender como se conformaron eses poderes, en que condicións, como se exerceu a 
violencia e quen a exerceu. 
Unha última cuestión que trataremos será a dos espazos de violencia, analizando aqueles que 
operaron para os golpistas en Santiago de Compostela. Faremos unha caracterización de cada un 
deles para despois pasar a situalos e ver como actuaron dentro do marco do golpe e, neste caso, 
máis alá, pois no caso dos espazos de reclusións seguiron a empregarse dinámicas que nos interesará 
constatar ata unha década despois de iniciado o golpe de Estado. Isto tamén nos aportará unha 
visión máis longa de como evolucionaron certas formas de actuación e axudará a polas en 
perspectiva cunha mirada cronolóxica máis ampla, axudándonos a entender mellor as dinámicas de 
violencia no golpe asociadas aos espazos. Preguntarnos polos espazos empregados e que supuxo a 
súa utilización parécenos unha forma de engadir unha categoría analítica á cuestión do golpe que 
en moitas ocasións é tratada de forma independente ou tanxencial, pero que no noso caso se 
presenta como unha área de estudo ligada pola importancia na ocupación, tanto física como 
simbólica, de toda unha serie de lugares que forman parte do cotián na cidade que analizamos. 
Introdución 
27 
 
O obxectivo desta investigación é estudar o que ocorreu na cidade de Santiago de Compostela 
antes, durante e con posterioridade ao golpe de Estado, incidindo en como o uso da violencia foi 
o mecanismo que permitiu arrebatar o poder lexítimo ás autoridades republicanas para que o 
pasaran a controlar as golpistas. E facelo como estudo de caso para descubrir no micro o que 
agocha o relato dos vencedores e identificar a confusión do relato das vítimas. Recorremos a estudo 
de caso para establecer un modelo que cuestione as interpretacións xerais sobre o golpe, e que non 
sempre son equiparables ao que ocorreu no plano micro, pois cando acudimos a este atopámonos 
con realidades moito máis complexas e profundas nas que afloran todos os procesos e variables 
que se deron. Este modelo poderá ser, con posterioridade, aplicable ou non a outros casos, ao igual 
que outros poden ter concordancias ou diferenzas co que aquí se conclúa. Ao fin e ao cabo, son 
este tipo de investigacións as que revelan as especificidades de cada lugar e que axudan a completar 
un mapa complexo das situacións que abriu un acto como un golpe de Estado. 
 
Rafael García Ferreira 
28 
 
 
 
Fontes documentais e metodoloxía 
29 
 
 
 
 
Fontes documentais e metodoloxía 
 
As fontes documentais, primarias, son unha parte fundamental de todo traballo histórico de 
investigación que busque afondar nunha cuestión por primeira vez ou dende un enfoque diferente 
a aquel co que foi estudada con anterioridade. Esta disertación non é un caso diferente, pois os 
feitos e argumentos que aquí se presentan están apoiados en fontes coas que se ven traballando 
dende que se iniciou a investigación. Foi empregada documentación diversa, recompilada de 
diferentes arquivos -non so locais ou provinciais, se non tamén estatais-, o que implicou un traballo 
de recolla de información, de viaxe aos pertinentes arquivos, de consulta de fondos documentais, 
de consulta da documentación e, finalmente, de análise e uso da mesma mediante, facéndoselle as 
preguntas pertinentes para acadar os resultados que agora se presentan. 
O traballo de arquivo e con documentación non está suxeito so ao desprazamento físico a 
estes, se non tamén á consulta online ou ao manexo de determinadas bases de datos. Nos nosos 
días temos a vantaxe de contar con formas de obter información de forma inmediata, ben coa 
comunicación directa cos arquiveiros, porque contamos con repositorios online, ou ben porque, 
neste caso concreto, contamos cunha base de datos como Nomes e Voces, elaborada con 
anterioridade, e que serviu como base para todo o traballo posterior. A base do proxecto foi 
elaborada durante o período no que esteestivo activo, recollendo información das vítimas do 
período da guerra civil -e en ocasións, algo máis alá- de diferentes fontes documentais, 
bibliográficas e orais. Isto permitiunos coñecer non so a esas vítimas, se non ademais, na maioría 
de ocasións, os procesos polos que pasaron e nos que as autoridades golpistas as involucraron, 
sendo o caso máis representativo as causas militares. O coñecemento da fonte pola que foron 
coñecidas esas vítimas axudou a acudir a esta e, a partir de aí, analizar os diferentes procesos que 
agora se expoñen nesta investigación: como se levaron a cabo, quen os levou a cabo, para que 
serviron, que obxectivo tiveron. 
É dicir: o coñecemento das vítimas levounos a un coñecemento máis amplo sobre todo o que 
as rodeou. O valor do proxecto, que en principio era o da documentación de todos os que sufriran 
a persecución ou a violencia dende xullo de 1936 e durante o período da guerra civil, acabou por 
converterse na base de todo o demais. A través do filtrado de vítimas de veciños de Santiago de 
Compostela, para o noso caso, puidemos ter un coñecemento doutras fontes que podían ser de 
utilidade, concretar os procesos e acudir a eles, ou mesmo elaborar cousas tan visuais e útiles como 
liñas de tempo, cronoloxías, gráficas, táboas, etc., que permitan visualizar de forma directa como 
se deron certos acontecementos en determinados momentos. 
A isto hai que sumar o fondo de entrevistas co que conta Nomes e Voces. Foron consultadas 
algunhas relativas ao acontecido na cidade, realizadas a familiares de vítimas -vítimas tamén, ao fin 
Rafael García Ferreira 
30 
 
e ao cabo- ou a persoas ás que dalgunha forma afectaron os acontecementos. Polo tanto, cabe 
destacar non so a base de datos de vítimas, se non tamén o inxente fondo de entrevistas. A este, 
ademais, hai que sumar o fondo de Historia Oral de Galicia (HISTORGA), creado xa en 1987, e 
que xa contaba cunha grande cantidade de entrevistas nas que se falaba do período da guerra civil. 
Ámbolos fondos, xunto ao corpo de entrevistas HISTORGA Migracións- forman hoxe en día 
unha unidade documental recollida no fondo Terra e Memoria, que abrangue máis de dúas mil 
entrevistas en total. 
Agora ben, tamén se tivo en conta que a base de datos de vítimas non é infalible nin completa. 
Alén do gran mérito que tivo a súa elaboración, esta fíxose á vez que se adquiría o coñecemento. 
Debido a isto, nalgunhas ocasións as categorías das vítimas poden resultar confusas ou incompletas 
con respecto ao suceso que sufriron; do mesmo xeito, os ítems descritivos non sempre se amosan 
unificados, algunhas veces polo cambio de criterio á hora de elaboralos e noutras porque 
simplemente non se conta con toda a información necesaria para ofrecer os mesmos datos para 
todas as fichas. Hai que destacar, aínda así, que en cuestións como as vítimas de «paseos», a 
información que se recolleu foi en moitas ocasións moi completa, froito do traballo cos rexistros 
de defuncións, concretándose incluso os lugares exactos de aparición de cadáveres en camiños e 
estradas. 
Sen embargo, atópanse tamén baleiros de contido, froito de que o acceso á documentación 
podía non estar dispoñible no momento en que se elaborou a base e polo tanto non se tivo acceso 
a diferentes datos sobre vítimas ou sobre os procesos que sufriron. Así, se por exemplo atopamos 
ao persoal do maxisterio e da Universidade afectado polas depuracións, non ocorre o mesmo co 
persoal do concello de Santiago que foi depurado e suspendido de emprego e soldo durante a 
segunda metade de 1936, que non aparece reflexado en Nomes e Voces. Este caso concreto foi 
emendado neste traballo grazas ao acceso a un fondo de documentos do Arquivo Histórico 
Universitario de Santiago, catalogado tras recibir un último envío dende o Arquivo Municipal do 
Concello, e que agora si está dispoñible para a consulta pública. 
Outro dos problemas que presenta Nomes e Voces é a súa estrutura interna para o manexo 
das buscas e dos datos. De novo, debido a que se trata dunha base elaborada hai xa máis dunha 
década, respondendo ás necesidades do momento e executando ideas, en moitas ocasións, segundo 
se lle ían presentando diferentes cuestións aos investigadores implicados. Internamente, a base 
conta cun sistema de busca complexo que permite chegar a todo tipo de resultados, pero certos 
problemas cos servidores e cunha certa obsolescencia nos sistemas de recompilación e busca de 
datos fai que os resultados que arroxan as buscas sexan en ocasións erróneos ou incompletos. Se 
ben esta problemática se ten presentado ao longo dos procesos de manexo da base, foi superada 
grazas ao traballo conxunto dos investigadores de Histagra, que colaboramos en diversas ocasións 
para chegar a acadar cifras correctas, adecuadas e que se axustaran á realidade con respecto aos 
datos que se conteñen en Nomes e Voces. 
A partir do coñecemento das vítimas que pasaron por un proceso como un xuízo sumarísimo, 
podemos coñecer a documentación relacionada: as causas militares. Todos aqueles que pasaron 
por un proceso deste tipo teñen un rexistro na base co número de causa no que foron acusados, 
Fontes documentais e metodoloxía 
31 
 
procesados ou inculpados. Polo tanto, coñecido o número e os suxeitos e procesos que queriamos 
investigar, so quedaba dirixirse ao arquivo pertinente, o Arquivo Intermedio Militar Noroeste 
(AIMNOR) de Ferrol. Aínda que as causas foron consultadas no seu momento co obxectivo de 
elaborar unha relación de vítimas, moitas delas aínda non foron estudadas da forma que se fai aquí 
-ao igual que outras si teñen sido empregadas por outros investigadores-. No AIMNOR 
consérvanse procedementos sumarísimos relativos, para o caso que nos ocupa, ao territorio que 
abarcaba a VIII División Orgánica, con xefatura na Coruña, entre os que están os incoados en 
Santiago de Compostela. 
O arquivo é público e os fondos están dispoñibles para a consulta para calquera cidadán que 
acredite a súa identidade, que facilite os datos pertinentes ao arquivo e que solicite unha cita para a 
consulta da documentación na que este interesado. Consideramos importante remarcar este punto, 
pois aínda son frecuentes as polémicas sobre o hermetismo de fontes deste tipo, gardadas en 
arquivos militares, considerándose en moitos casos que son inaccesibles e que son necesarios unha 
serie de trámites esgotadores para a poboación que quere consultalos. Ao contrario, son arquivos 
abertos e totalmente accesibles, e non é necesario unha condición profesional específica para que 
a documentación lle sexa proporcionada a ninguén. Así era cando se consultaron intensivamente 
durante a elaboración da base de Nomes e Voces e así segue sendo hoxe en día, para investigadores 
ou para calquera cidadán que busque facer unha consulta. 
Foron consultadas unha mostra de causas nas que se encartaron a veciños da cidade de 
Santiago, e entre estas especialmente aquelas nas que as vítimas foron condenadas a pena de morte 
por parte dun consello de guerra. O traballo con esta documentación resultou básico dende o 
principio e vense realizando dende hai anos como base fundamental para comprender toda unha 
serie de procesos e dinámicas, coñecer aos protagonistas -vítimas e verdugos- e constatar toda unha 
serie de discursos creados por primeira vez nelas, o uso tendencioso da linguaxe e a forma de 
presentar os feitos e acontecementos por parte dos golpistas que serán analizados durante a 
investigación. Este traballo coas causas militares é común a toda unha xeración de investigadores 
do grupo Histagra, reunidos en torno a unhas tendencias de estudo do período, que axudou en 
moitos aspectos a que a investigación, as disertacións e as conclusións que se presentarán avanzaran 
grazas ao debate conxunto e a posta en común de inquedanzas, contradicións, e conclusións. Para 
moitos destes trátase dunha fonte básica que está a amosar -e que xa amosou-resultados 
satisfactorias na investigación, constatándose así o acertado da súa elección como base para tratar 
diferentes cuestións ao redor do golpe de Estado do 36. 
O arquivo máis próximo que se empregou, sen embargo, foi o Arquivo Histórico Universitario 
de Santiago. A pesar da súa denominación, ven albergando os fondos históricos municipais, 
incluíndo todo tipo de documentación, e contando actualmente cun volume que abarca varios 
séculos de historia da cidade. Como xa adiantabamos, os últimos envíos dende o Arquivo Municipal 
do concello fai que todos os fondos dispoñibles para a consulta e investigación se atopen 
arquivados aquí, sendo unha referencia de moita utilidade para abordar diferentes estudos. Farase 
uso de documentación tan fundamental como as actas dos plenos do concello, pero tamén de 
informes de orde pública -anteriores e posteriores ao golpe-, expedientes locais referidos ao persoal 
municipal e referido a edificios, espazos, que tamén teñen moito interese para o que aquí se trata. 
Rafael García Ferreira 
32 
 
Ademais, aínda que non son frecuentes de atopar nos fondos municipais, exporemos unha serie de 
fotos relacionados con expedientes de prisións, que nos axudarán a completar a explicación que 
faremos sobre estes lugares en concreto. Debido tanto á súa proximidade como á grande cantidade 
e variedade de fondos cos que conta, este arquivo foi un dos máis recorrentes á hora de facer 
consultas, a pesar de que, quizais, non sexa o que maior carga documental acabou por aportar ao 
estudo. 
Complementariamente empregouse o Arquivo do Reino de Galicia, este sito na cidade da 
Coruña, como apoio ao Arquivo Histórico Universitario. Non so pola súa proximidade xeográfica 
e facilidade de acceso, se non porque contén documentación que é, en efecto, complementaria á 
dos fondos municipais do arquivo local. Sobre todo foi empregada a documentación relativo ao 
fondo do Goberno civil, que contén expedientes, comunicacións, información relativa ás 
comunicacións entre os órganos de goberno local e o provincial. De aí que certas cuestións que 
non se poden completar empregando a documentación dispoñible en Santiago de Compostela si o 
poidan ser suplindo esa falta cos fondos do Arquivo do Reino de Galicia. Tamén apareceron novas 
cuestións ao examinar a información que contén, pois non sempre se accedeu a el co ánimo de 
afondar nalgún aspecto que xa se comezara a coñecer, se non que en ocasións teñen aparecido 
novas preguntas gracias a examinar estes fondos. Aínda que neste o arquivo si conta cun fondo 
fotográfico extenso e de interese, non atopamos ningunha fotografía que nos fora de relevancia 
para este estudo, se ben non se pode deixar de destacar o traballo de catalogación que se ten levado 
a cabo nese aspecto por parte do arquivo. 
A partir de aquí, as nosas fontes documentais dan un salto que vai alén do local e provincial, e 
incluso máis alá do ámbito galego. Porque a pesar de que o noso suxeito de estudo sexa a cidade 
de Santiago, foron empregados fondos de arquivos estatais que contiñan información fundamental 
para avanzar en certas cuestións, que non era posible atopar nos arquivos máis próximos. 
Realizáronse contactos con diferentes arquivos, visitas aos mesmos -no caso de algúns, varias, con 
diferentes perspectivas, visións do que se buscaba e diversidade nos resultados-, pero tamén con 
outros cos que finalmente non se contou. Este uso de arquivos que van máis alá do contexto galego 
enriqueceron a investigación con outros matices, con outras experiencias e con outros puntos de 
vista, por iso non podemos deixar de poñelos en valor. Sobre todo porque para certos aspectos 
foron fundamentais, aportando a este traballo documentación que nunca foi empregada con 
anterioridade, dotándoo así dunha orixinalidade e dun enfoque que sería impensable doutro xeito. 
O primeiro que mencionamos, por ser o tamén primeiro que se puxo no punto de mira e o 
primeiro en visitarse, é o Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares. Este conta 
cunha grande cantidade de fondos distribuídos en diferentes categorías, de entre as que nos 
rescatamos a de xustiza e, dentro da mesma, unha serie de expedientes referentes ao corpo de 
prisións, posteriores ao golpe de Estado, e que nos axudarán a reconstruír unha serie de cuestións 
referentes aos espazos de reclusións de Santiago que serían irrecuperables de non contar con esta 
documentación. Isto é debido a que non conservamos un libro de cárcere de ningunha das que 
operaron na cidade, e polo tanto en ocasións é moi complicado reconstruír certos aspectos. Contar 
cos fondos do Archivo General de la Administración, sen embargo, axudounos a recompoñer unha 
serie de cuestións, como o funcionamento interno das prisións, dar algunhas trazas da vida dos 
Fontes documentais e metodoloxía 
33 
 
presos e incluso chegar a ofrecer organigramas do persoal. Porén, a pesar de que aquí nos sexa de 
utilidade o fondo de Xustiza, non podemos deixar de remarcar de novo a grande cantidade de 
fondos que manexa o arquivo e que de seguro foron, son e serán, recorridos por outros 
investigadores para tratar cuestións moi diferentes. 
Continuando coa mesma temática, foron obxecto de estudo os fondos Secretaría General de 
Instituciones Penitenciarias de Madrid, neste caso nunha única visita que foi suficiente para 
explorar o que nos podía ofrecer, algo que tivo que ver tamén coa posibilidade de recibir 
prontamente unha copia dixital de todo aquilo que interesase para unha consulta posterior. Neste 
caso, empregamos dúas publicacións que so atopamos dispoñibles neste arquivo: o semanario 
Redención, a única publicación de distribución e lectura interna dentro das prisións do período no 
que nos movemos, e a Revista de estudios penitenciarios, outra publicación relacionada co mundo 
das prisións. Ambas nos axudaron a recoller datos sobre este tipo de espazos que complementarían 
o atopado no Archivo General de la Administración e no Arquivo Histórico Universitario, 
aportando datos de relevancia non so, de novo, para analizar a vida dos presos se non tamén os 
organigramas de funcionamento do persoal prisións. 
Acudeuse tamén, xa con outros obxectivos, a Biblioteca Nacional de España, aproveitando as 
visitas a Madrid nas que se acudiu ao Arquivo General de la Administración e á Secretaría General 
de Instituciones Penitenciarias. Esta comezou como unha visita complementaria para investigar 
que se podía atopar de utilidade nos seus fondos, xa que a pesar de poderse facer unha busca 
completa online, non toda a documentación está dixitalizada, sendo necesaria a consulta presencial. 
Deste xeito, so foron consultadas algunhas cuestións referentes á cidade que nos podían ser de 
utilidade, e en todo caso complementaria co que xa atoparamos no Arquivo Histórico 
Universitario. O que si foi de moito interese e utilidade foi o seu fondo fotográfico, este en boa 
medida si dispoñible online, que nos aportou unha serie de imaxes da cidade que non atopamos 
mediante outras canles, nomeadamente aquelas que recollen a visita a cidade de autoridades de 
peso como Ramón Serrano Suñer -acompañado dos representantes italiano, alemán e xaponés- ou 
o propio Francisco Franco e de desfiles militares que amosan os cambios nas conmemoracións e 
celebracións na cidade, ou o que é o mesmo, imaxes que nos axudarán en boa medida a exemplificar 
os cambios na apropiación e uso do espazo público asociados ao golpe de Estado. 
Para a investigación que se presenta foron empregados expedientes persoais de membros do 
exército e da Garda civil relacionados con sucesos que se estudan, que tiveron protagonismo nalgún 
dos procesos ou que ocuparon un cargo de relevancia en determinado momento. O obxectivo 
disto foi coñecer e trazar as súas traxectorias para tentar relacionalas co que fixeron ou non fixeron, 
con ese posto que ocuparon ou coa súa participación ou inhibiciónen determinados asuntos. Non 
sempre se fan explícitas estas traxectorias, pero foron de utilidade para un mellor coñecemento dos 
actores que enriquecerá a presentación das interpretacións e dos resultados. A este respecto, e para 
conseguilos, contactouse fundamentalmente con dous arquivos. O primeiro deles foi o Archivo 
General del Ministerio del Interior, sección da Garda civil, de onde se extraeron expedientes deste 
corpo co fin mencionado, xa que algúns dos seus efectivos non so se sublevaron en xullo de 1936 
se non que posteriormente tiveron a responsabilidade na Delegación de orde pública, creada tras a 
sublevación. O segundo foi o Archivo General Militar de Segovia, ao que se solicitaron os 
Rafael García Ferreira 
34 
 
expedientes pertinentes pertencentes a membros do exército, aínda que hai que aclarar que non 
todos os que desexaríamos, pois algúns aínda non estaban dispoñibles debido a diversas 
disposicións legais. No caso do arquivo relacionado coa Garda civil non se chegou a realizar visita 
física, se non que se recibiron as copias dos expedientes directamente; no caso do arquivo 
segoviano, non foi posible acceder ao mesmo a pesar de ter unha visita programa, algo que 
finalmente compensamos con sucesivas peticións de documentación. Ao igual que no caso do 
Arquivo Intermedio Militar Noroeste, non foi necesario acreditar a condición de investigador, 
membro de grupo de investigacións, adscrición a unha universidade ou proxecto, etc., para acceder 
á documentación, se non que se trata de fontes que igualmente están dispoñibles para o conxunto 
da cidadanía. 
Tamén examinou e consultou unha unidade arquivística militar máis, o Archivo Militar General 
Militar de Ávila, este si de forma presencial durante unha estadía na cidade para acceder a todo o 
material que puidera ofrecer, aínda que tamén está dispoñible un servizo de reprodución e envío 
de documentación. A pesar de que era un arquivo do que se tiñan menos referencias sobre o que 
podía conter, o feito de que apenas fora empregado e referenciado con respecto a unha 
investigación deste estilo para a cidade de Santiago suscitou a necesidade de exploralo, unha 
decisión que a todas luces resultou acertada. Aquí poden ser consultados documentos de moito 
interese para o estudo do golpe de Estado e que xa teñen sido indagados por diversos 
investigadores, como documentación relativa aos contactos entre sectores monárquicos coa cúpula 
do goberno italiano para concretar axudas monetarias e de armamento para preparar unha 
sublevación, ou as xa famosas e máis que referenciadas instrucións de Mola nas que establece as 
pautas de actuación para o golpe de estado de xullo do 36. Para o noso caso será de moita utilidade 
e empregado con frecuencia un expediente diferente ás causas militares, unha información aberta 
contra o comandante militar da guarnición de Santiago en xullo de 1936, que se convertería en 
golpista, pero que con posterioridade pasaría por este proceso no que se buscaba depurar a súa 
actitude con respecto á sublevación. O interese neste documento específico, que non foi 
empregado antes na investigación sobre o golpe de Estado en Santiago e Galicia, irá máis alá do 
propio proceso contra a autoridade militar, xa que nel aparecerán reflexados outros persoeiros, 
outras situacións e outras dinámicas que nos permitiran constatar que variables se deron noutros 
procesos da segunda metade de 1936 ademais do mesmo golpe e da violencia posterior. 
Foron consultados dous arquivos máis, neste caso co obxectivo de ter acceso a un fondo 
documental específico: o que contén a denominada Causa General. Con este obxectivo foi 
consultado o Archivo Histórico Nacional, pois as referencias coas que se contaban acerca da Causa 
facían constar que a consulta da mesma fora realizada neste arquivo. Sen embargo, esta 
documentación foi trasladada hai uns anos a outro conxunto arquivístico: o Centro Documental 
de la Memoria Histórica de Salamanca. A este realizouse unha viaxe, coa que se aproveitou a 
consulta doutros documentos que puideran resultar útiles, e posteriormente foron solicitadas as 
pertinentes reproducións para ser empregadas con posterioridade. A pesar deste traballo de 
documentación, a Causa General non é empregada como fonte nesta investigación. 
A Causa ten sido empregada como fonte para o estudo da conspiración militar contra a 
República e para aclarar certos aspectos sobre o propio golpe. Estruturada nas denominadas 
Fontes documentais e metodoloxía 
35 
 
«pezas», empregábase concretamente a segunda, na que se trataban estes asuntos con referencias 
documentais e testemuñais. Constatado isto, a Causa amosábase como unha fonte potencialmente 
moi rica para un estudo como que agora expoñemos, pero presenta unha problemática: non foi 
elaborada de xeito homoxéneo e en base a uns criterios únicos, se non de forma independente para 
cada unha das Divisións Orgánicas que dividían o país militarmente no momento da súa 
elaboración. Isto fixo que a súa construción fora desigual segundo o territorio do que falemos, e 
no caso da VIII División a información que contempla é moito menor comparada con outros 
casos. En concreto, non existe unha peza segunda que conteña información relativa a Galicia e 
demais territorios da división, polo que finalmente non foi empregada neste sentido, o que 
probablemente máis nos interesaba polo afán de constatar como de profunda e efectiva foi a 
preparación do golpe de Estado en terras galegas. 
Finalmente, non podemos deixar de facer mención a outra parte fundamental das fontes 
empregadas nesta investigación: os repositorios de publicacións oficiais e as hemerotecas dixitais 
de prensa. Os primeiros son ofrecidos polos portais oficiais do Estado español, e neles puideron 
ser atopados os números da Gaceta de Madrid e do Boletín Oficial del Estado que necesitamos 
consultar para coñecer lexislacións, decretos, disposicións e etc., realizadas tanto polos gobernos -
dende o período da Restauración ata a mesma República- como pola cúpula golpista -representada 
primeiro na Junta de Defensa Nacional dende o 28 de xullo de 1936 e na Junta Técnica del Estado 
dende o 1 de outubro do mesmo ano-. En canto ao Boletín Oficial da Provincia da Coruña, foi 
consultado no repositoro online Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, que contén unha inxente 
cantidade de fondos ademais desta publicación. Entre eles, unha grande cantidade de diarios 
dixitalizados, de entre os que destacaremos dous: El Compostelano e El Eco de Santiago, por ser 
os dous diarios locais do momento e os máis referenciados ao longo do texto, precisamente por 
esta condición que fai que nos poidamos atopar coas novas máis próximas á cidade. Sempre tendo 
en conta que eran dous diarios cunha marcada tendencia ideolóxica asociada a posicións de dereita, 
amosando en consecuencia unha liña editorial e de opinión, incluso á hora de expoñer novas, coa 
que é necesario ser críticos á hora de analizalo e de empregalo como fonte complementaria. Aínda 
serían empregados dous fondos máis para facer algunhas consultas deste tipo: a primeira, o da 
hemeroteca da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago, onde se atopan algunhas publicacións 
que non están dixitalizadas online, e o segundo, o da Hemeroteca de Madrid, ao que tamén se fixo 
unha breve visita para consultar unhas publicacións non dispoñibles nos outros medios dos que 
dispoñiamos. O uso de novas de xornais foi un complemento para o resto de fontes empregadas, 
pois en ocasións nos permite coñecer datas, eventos, etc., que se perden noutro tipo de 
documentación. No seu caso, tamén se usou para a cuestión do trazado de traxectorias persoais, 
pois o achado de novas relacionadas coas persoas que se queren trazar aporta datos que non vemos 
reflexados noutras fontes. 
 
A metodoloxía para o uso das diferentes fontes aquí empregadas non difire do que adoita ser 
un traballo deinvestigación histórica: coñecemento anterior, lectura, análise, crítica, cruce de datos, 
interpretación e chegada a conclusións. Claro que, dentro de todos estes procesos, hai diferencias 
na forma en que se tratan algúns documentos ou outros, fundamentalmente debido á súa tipoloxía. 
Rafael García Ferreira 
36 
 
Nestas páxinas trataremos documentación oficial, administrativa, lexislacións, e sobre todo causas, 
expedientes, informes, etc., de carácter militar que foron xeradas baixo unhas condicións de 
convivencia específicas e de excepción como as que se xeran tras un golpe de Estado militar, no 
que o control da orde pública se volve algo fundamental e se exerce a través da violencia. 
As causas militares son parte central do traballo que aquí se presenta. Foron empregadas para 
diversas cuestións, pois nelas non so constatamos os procesos e como se levaron a cabo, se non 
que tamén conteñen información que é útil para tratar moitas outras cousas: o golpe e a actuación 
dos leais á República, os discursos que se xeneral nelas, a construción da culpabilidade, as formas 
de auto-lexitimación dos verdugos que actúan ao longo dos xuízos. Por iso a súa correcta 
interpretación é esencial para que os datos que extraemos delas sexan correctos e non acabemos 
por reproducir un discurso terxiversado dende a base: o discurso dos golpistas e verdugos. Viñamos 
destacando que a cuestión da linguaxe é fundamental á hora de abordar as causas, porque é 
mediante a linguaxe a través da cal se terxiversan feitos que acaban de ocorrer baixo un marco legal 
específico para presentalos como ilegais, ilexítimos, punibles. A reprodución dos discursos xerados 
nas causas perdurará no tempo grazas á vitoria na guerra dos sublevados e á imposición dunha 
ditadura militar de case catro décadas. Por iso, acostumados a escoitar certos argumentos, resulta 
fundamental evadirse dos mesmos, non caer na trampa e acadar conclusións axustadas ao que 
realmente ocorreu, achegando unha aproximación rigorosa dende a crítica de fontes, sabendo que 
están construídas para transformar os feitos, a verdade. É así como non caemos nesas 
argumentación e chegamos a unha correcta interpretación. A mesma análise aplicamos a 
practicamente a totalidade da documentación xerada a raíz ou con posterioridade ao golpe, pois 
está, polo xeral, cargada de discursivas similares ou que responden a certos intereses. 
O cruce e contraste de datos entre diferentes fontes amosase fundamental, pois traballaremos 
con diferentes nomes asociados a identidades, filiacións e sucesos en diferentes tempos. Polo tanto, 
e sen ánimo de trazar traxectorias de vida completas de todos os protagonistas que amosaremos, 
si se é necesario ofrecer un perfil mínimo que nos permita identificalos e enmarcalos de certa forma, 
o que nos permite redondear a información que temos deles con anterioridade e posterioridade, se 
non a do mesmo momento nos que os analizamos e o contexto no que actúan. Neste sentido 
empregaremos os citados expedientes persoais de militares ou Gardas civís, pero tamén outro tipo 
de recursos como a prensa, a que resulta de moita utilidade á hora de realizar buscas grazas aos 
repositorios online cos que contamos. Será, grazas a estes, que podemos situar noutros contextos 
ás persoas que tratemos e completar así o seu perfil. 
O seguimento de persoas concretas que aparecen asociadas aos poderes golpistas foi de 
importancia para trazar algunhas destas traxectorias. A aproximación biobibliográfica resultou 
fundamental para reconstruír unha fisionomía colectiva no relativo á configuración deses poderes. 
Para isto foi necesario coñecer primeiro eses nomes cos que traballar, para posteriormente resolver 
os seus perfís a través do traballo non so coa documentación que se empregou no caso daqueles 
que contaban cun expediente oficial, se non a través da consulta doutro tipo de documentos, da 
bibliográfica e do coñecemento de realidades e dinámicas anteriores ao golpe. 
Fontes documentais e metodoloxía 
37 
 
Debido á natureza coa que presentamos toda esta disertación, o manexo doutros traballos de 
investigación realizados, monografías, artigos científicos, etc., resulta fundamental. Porque o que 
tentaremos contrastar son os feitos, o factual, fuxindo de apriorismos pero tamén de discursos 
creados xa coetaneamente, pero tamén posteriormente. Unha investigación doutoral establece, con 
frecuencia, o diálogo e debate coa bibliografía existente a fin de obter apoio para os seus 
argumentos e conclusións; tamén para facer o contrario e enriquecer así o debate. No noso caso, 
tamén nos teremos que enfrontar con certas afirmacións que se veñen herdando dende hai moito 
tempo, precisamente pola repetición do discurso que quedou escrito dende o mesmo ano 36, como 
pronto veremos. Constatado isto, a crítica sobre ese discurso será fundamental en todo momento, 
porque será unha das claves á hora de establecer as nosas conclusións: como enfrontalo e como 
ofrecer unha interpretación histórica crítica e real. 
 
 
 
Rafael García Ferreira 
38 
 
 
Estado da cuestión 
39 
 
 
 
 
Estado da cuestión 
 
As investigacións sobre golpe, guerra e ditadura son numerosas e presentan un amplo percorrido. 
Atenden a diferentes conceptos, formas de investigación e puntos de vista. A traxectoria dos 
estudos conta con ampla produción académica e rigorosa, pero tamén con versións revisionistas -
e negacionistas- do pasado que se contrapoñen coas interpretación consensuadas por 
investigadores de recoñecida traxectoria e solvencia no manexo de fontes e na presentación de 
resultados que se adaptan á presentación obxectiva e axustada á realidade dos feitos. Sen ánimo de 
ser extensos ao respecto, faremos un repaso a través de estudos de relevancia e do estado actual da 
investigación con respecto ás cuestións que se tratan nesta disertación. 
Os primeiros textos sobre o golpe de Estado datan xa dos anos seguintes a que se executase, 
pero non os teremos en conta no nivel de presentación dun estado da cuestión. Como veremos 
cando os empreguemos -porque serán de utilidade a pesar de non nomealos aquí-, non son 
investigacións como tal, se non relatos sobre os sucesos, escritos dende unha clara posición de 
adhesión ao golpismo, que forman máis parte da proto-propaganda do réxime posterior que do 
conxunto de investigacións históricas. Servirían, iso si, como base para a interpretación dos feitos 
da historia oficial da ditadura, trasladándose o escrito en textos como o do sacerdote Manuel Silva 
Ferreiro para o caso galego, en 1938, a obras que abarcaban o conxunto de España e que tomarían 
forma posteriormente como a Historia de la Cruzada Española, de Joaquín Arrarás.13 Dende o 
exilio, en Buenos Aires, era publicada a visión do ocorrido dende o outro punto de vista, o das 
vítimas da violencia, coa saída de Lo que han hecho en Galicia, un volume que, ao igual que os 
anteriores, ten un valor relativo como fonte histórica, aínda que neste caso no sentido contrario a 
aqueles escritos dende a posición dos golpistas e do réxime franquista.14 
Os primeiros estudos históricos sobre a guerra civil non marcadas pola liña do réxime viñeron 
da man de investigadores estranxeiros na década dos sesenta, como foi o caso de Hugh Thomas 
ou Stanley Payne, o deste referido ao estudo da Falanxe.15 Uns anos despois vería a luz tamén a 
primeira obra de Gabriel Jackson, reeditada ao igual que as anteriores en varias ocasións, e que se 
amosaba como pioneira tamén no estudo conxunto da República e a guerra civil, con 
interpretacións que a investigación ten precisado, tales como definir o golpe como 
«pronunciamento», e asumindo en ocasións o discurso golpista, como no referente a que o 
asasinato do líder monárquico José Calvo Sotelo precipitou a decisión de sublevarse contra o 
 
13 Manuel Silva Ferreiro, Galicia y el movimiento nacional. Páginas históricas, Santiago de Compostela,

Continue navegando